O acontecemento astronómico do século

As Eclipses

Entre 2026 e 2028, tres eclipses solares converterán a península ibérica nun laboratorio natural para a ciencia, a divulgación e a observación do cosmos.

Imaxe

Durante os anos 2026, 2027 e 2028, terá lugar un acontecemento extraordinario que se poderá ver desde España e que cativará á comunidade científica e á sociedade en xeral: o fascinante «TRIO DE ECLIPSES». Tres eclipses ó longo de tres anos ofrecerán oportunidades únicas para observar e comprender mellor o noso lugar no universo.

Cada eclipse terá unhas características e unha visibilidade diferentes dependendo da data e da localización xeográfica… sabías que non se producía unha eclipse total na península ibérica desde hai máis de 100 anos e que en 2026 será o único lugar poboado do mundo onde se poderá desfrutar? Ou que a de 2027 será unha das máis longas do século? Este trío de eclipses constituirá, sen dúbida, unha oportunidade excepcional para fomentar a astronomía e o interese pola ciencia en xeral.

Multitude de institucións e organismos de toda España cooperarán para que este acontecemento transcorra con éxito, garantindo a mobilidade, prevención e atención sanitaria, e prepararán unha programación especial divulgativa para achegarnos este incrible fenómeno: actividades de cultura científica, observacións seguras e recursos dixitais abertos, entre outras accións.

Espazos culturais, museos e centros de ciencia, planetarios, asociacións astronómicas, medios de comunicación e centros educativos tamén colaborarán neste acontecemento e promoverán programación de interese e información de calidade sobre estes espectáculos cósmicos que nos conectarán coa grandeza do universo.