Observar unha eclipse é unha experiencia marabillosa, pero o Sol emite radiación infravermella e ultravioleta capaz de queimar a retina en segundos se non se toman precaucións estritas. Aquí tes as regras de ouro:
A protección imprescindible: lentes de eclipse
Esquece as lentes de sol normais, cristais afumados, radiografías ou CDs antigos. Ningún destes métodos bloquea suficiente radiación.
- Que usar: Debes utilizar lentes de eclipse certificadas coa norma ISO 12312-2 e que non estean caducadas.
- Revisión previa: antes de usalas comproba, a contraluz, se están riscadas, rotas, perforadas ou deterioradas. Se o están, non as uses e desbótaas correctamente.
- Como usalas: ponte as lentes antes de mirar ó Sol, mira brevemente uns segundos e baixa a mirada; repite a observación da eclipse sempre con pausas. Quítaas logo de apartar a vista do Sol. Non esquezas revisar as lentes de nenos, nenas e persoas ó teu cargo.
- Cando quitar as lentes: esta é a distinción máis importante segundo o tipo de eclipse:
- Eclipses de 2026 e 2027 (totais): O recomendable é manter sempre as lentes postas. Non obstante, só é seguro quitalas durante os minutos de totalidade absoluta (cando a Lúa cobre o 100 % do Sol e á noitiña). Segundo apareza o primeiro raio de luz (o «anel de diamantes»), debes volver protexerte inmediatamente.
- Eclipse de 2028 (anular): NUNCA é seguro mirar sen lentes. Mesmo no momento máximo, o «anel de lume» segue emitindo luz solar directa suficiente para danar a vista. Debes manter as lentes postas todo o tempo.
Instrumentos ópticos: perigo extremo
- Nunca mires ó Sol a través de prismáticos, telescopios ou cámaras sen un filtro solar profesional colocado na parte frontal (obxectivo) do aparello.
- O erro fatal: non uses lentes de eclipse detrás do ocular dun telescopio. A óptica concentra a luz e a calor, e derreterá as lentes e queimará o teu ollo instantaneamente.
Proxección indirecta (a opción máis segura)
Se non tes gafas certificadas, non mires o ceo; mira o chan:
- Proxección: fai un pequeno buraco nunha cartolina e deixa pasar a luz sobre o chan ou unha parede. Verás a forma do Sol proxectada.
- Natureza: fíxate na sombra das árbores; as follas actúan como pequenos buracos (cámaras estenopeicas) e proxectan centos de pequenas medias lúas no chan.
Signos e síntomas visuais
- Mirar o sol durante unha eclipse sen protección pode producir retinopatía solar, unha lesión por enerxía solar que pode causar visión borrosa, distorsión e/ou un punto cego central (escotoma) que dificulta actividades como a lectura. Nalgúns casos, a exposición asociouse a buraco macular, unha perforación na zona central da retina (mácula) que pode requirir cirurxía.
- Os signos e síntomas de lesións visuais por mor dunha eclipse NON se notan no momento se non que poden tardar en aparecer horas ou mesmo días.
- Lembra: mirar só uns segundos repetidamente á eclipse sen protección poden acumular exposición e xerar dano.
- Que non doa non significa que sexa seguro ou que non se producise dano na retina.
Como saber se unhas lentes para eclipse son seguras?
En síntese, as nosas recomendacións son as seguintes:
- O cumprimento da norma ISO debe estar indicado claramente. Busca a inscrición «EN ISO 12312-2:2015» nas lentes, a súa embalaxe ou as instrucións. Se só pon «ISO 12312-1» (uso xeral), non son aptas para mirar o Sol.
- Se os compraches na UE, deben levar a marca CE auténtica e non só impresa ou estampada sen máis xustificación.
- Mira a etiquetaxe. Debe aparecer o nome do fabricante, advertencias sobre o uso seguro, instrucións claras de conservación e, se aplica, unha data de caducidade.
- Examina as lentes fisicamente. Se o filtro está raiado, solto, dobrado, ten zonas máis claras ou calquera outro defecto, non debes usalas. Un único punto débil pode deixar pasar luz dabondo como para danar a vista.
- Consulta fontes fiables. Organizacións como planetarios, asociacións astronómicas ou entidades científicas adoitan recomendar distribuidores ou produtos que superaron os controis de calidade.
Que esixe a norma ISO 12312-2?
A norma internacional EN ISO 12312-2:2015 establece os requisitos de seguridade que deben cumprir as lentes deseñadas para mirar directamente ó Sol, como durante unha eclipse. Esta norma é diferente da ISO 12312-1, que regula as lentes de sol normais, e só a 12312-2 é válida para a observación solar directa.
Segundo a norma, o filtro debe bloquear case toda a radiación solar visible: debe deixar pasar como moito un 0,0032 % da luz visible e como mínimo un 0,000061 %. Ademais, tamén debe bloquear eficazmente a radiación ultravioleta (UV) e limitar a cantidade de radiación infravermella (IR) que atravesa o material. A luz debe estar distribuída de forma uniforme por toda a superficie do filtro, e tamén debe estar libre de raias, burbullas, manchas ou calquera defecto que poida deixar pasar máis luz da debida.
A montaxe tamén é importante: as lentes deben cubrir ambos os ollos ó mesmo tempo e estar fabricadas sen bordos afiados nin materiais irritantes. Se veñen cunha montura (coma as lentes normais) ou como unha lámina sobre un soporte de cartón, deben suxeitar ben o filtro para que non se desprenda con facilidade.
Finalmente, a norma esixe que as lentes inclúan unha etiquetaxe clara co nome do fabricante, instrucións de uso, advertencias sobre os perigos de mirar o Sol sen protección e, se o material non é duradeiro, unha data de caducidade.
Que significa que leven a marca CE?
Se as lentes se venden nun país da Unión Europea, deben levar a marca CE, que garante que o produto cumpre coa lexislación europea sobre equipos de protección individual (Regulamento (UE) 2016/425).
Pero a marca CE non é só un símbolo: debe estar apoiada por probas de laboratorio. O fabricante debe realizar ensaios que demostren que as lentes cumpren todos os requisitos da norma ISO. Sen estas probas, a marca CE non é válida, malia que apareza impresa no produto. Ademais, a marca CE debe ser visible, lexible e imborrable.